Couto ao furtivismo

Rosa Quintana
Rosa Quintana FIRMA INVITADA

OPINIÓN

18 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando asumín a miña responsabilidade como conselleira do Mar tiña moi claro que a loita contra o furtivismo ía ser unha das nosas prioridades. Con esa convicción na mente e tomando como referencia, entre outras, a miña experiencia como inspectora, puxémoslle a proa a esta problemática partindo da premisa da coordinación e a colaboración entre o Servizo de Gardacostas e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O punto de partida desta implicación conxunta, no ano 2009, marcámolo a través de varios eixes de actuación como o plan de loita contra o furtivismo, as mesas de coordinación local como a do Burgo, o deseño e execución de operativos especiais e, no eido da concienciación, na posta en marcha de distintas campañas dando a coñecer esta lacra e penalizándoa socialmente. Un escenario no que tamén foi clave a reforma do Código Penal, que entrou en vigor en xullo de 2015 e que castiga cunha dureza maior o furtivismo reincidente.

Operacións coma a da vieira na ría de Ferrol -que saíu á luz esta semana e que amosa a cara visible desta coordinación sobre o terreo- demóstrannos que a loita contra este tipo de fraude é moi necesaria, e que hai que seguir avanzando neste camiño.

Unha travesía na que non cesamos e na que o avance pasa por facer desta loita unha loita conxunta, porque a venda ilegal de produtos do mar afecta a toda a cidadanía. Sobre todo, á economía dos nosos profesionais do mar, ao prestixio dos nosos produtos e á saúde dos consumidores.

A magnitude deste problema podemos palpala a través de casos como o da Operación Concha, na que a vieira requisada polos axentes tiña cantidades de toxina que cuadriplicaban a taxa legalmente establecida, cos conseguintes problemas hixiénico-sanitarios que un produto extraído polos furtivos pode entrañar.

Indo máis aló, evidenciamos que o que se atopa ante nós é, asemade, un problema de orde pública. Non en van, os que extraen o marisco sen pagar un só céntimo de euro de impostos en detrimento do conxunto dos cidadáns non poden ser cualificados doutra maneira que, como mínimo, de ilegais.

Por todo isto, faise necesaria a implicación de todas e todos perseguindo, denunciando e non mercando. É fundamental rexeitar aquilo que se sabe que non é legal e poñerlle couto ao furtivo. Couto a quen vende polas portas sen autorización, couto ao produto que non dá a medida e couto tamén a retirar marisco das praias por moi pouca cantidade que sexa. De aí a importancia da concienciación, na que insistimos con iniciativas como a campaña que realizamos este verán en distintas praias galegas sobre o valor do marisqueo e a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

Aínda partindo do feito de que Galicia, os seus produtos e os seus produtores gozan dun prestixio que non é cuestionable, son moitos os anos invertidos e o traballo realizado por todos os profesionais do mar en facer que esa imaxe sexa a que é como para quedar de brazos cruzados e permitir o que tanto nos custou conseguir: facer da excelencia dos nosos peixes e mariscos un anaco da nosa identidade.