Ilexitimidade do poder

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

16 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha parte das dereitas españolas ten unha idea curiosa da lexitimidade dos adversarios para exercer o poder. Ás veces mesmo perigosa. Os apupos ao presidente do Goberno son a expresión chusca das mensaxes que levamos escoitándolle a algúns voceiros, incluído Pablo Casado, dende que a moción de censura parlamentaria botou do poder a Mariano Rajoy no medio dos escándalos de corrupción económica e política que aínda non rematamos de coñecer.

 

Algúns afirman directamente que o actual Goberno é ilexítimo, outros que a súa base é ilexítima, como se houbese deputados e votos máis lexítimos ca outros.

Non poucos insisten que o novo Executivo de Pedro Sánchez é unha fraude e moitos están empeñados en demostralo por todas as vías posibles. A oposición ten a obriga de oporse ao Goberno, vixialo, cuestionalo, criticalo. No caso de gobernos de coalición ou que como o actual teñen pouca base parlamentaria e para formarse e continuar requiren apoios diversos, ten todo o sentido político que a oposición cuestione os seus aliados, nun xogo dialéctico dirixido a captar vontades de electores.

A lexitimidade do acceso ao poder é o único que non pode cuestionarse. Pero faise, nunha pedagoxía que promove adictos en vez de cidadáns. Este Goberno é o primeiro que xorde en España dun mecanismo parlamentario -a moción de censura-, sendo a primeira vez que en España muda o partido no poder sen eleccións. A primeira vez dende 1977, pero dende 1833 o parlamentarismo español está inzado destas mudanzas, como calquera réxime liberal con historia. O problema é que non todos asumimos a mesma historia.

Hai outra historia na que a cuestión da ilexitimidade dos poderes converteuse en obsesión. Rematando a Guerra Civil, en decembro de 1938, os sublevados constituíron unha comisión de xuristas para elaborar un «Dictamen sobre la ilegitimidad de los poderes actuantes el 18 de julio», que presentou dous meses despois os seus resultados ao ministro Serrano Súñer.

O golpe de Estado e a vitoria na guerra buscaban unha xustificación por esta vía, un aval xurídico para lexitimar á ditadura totalitaria que estaba nacendo naqueles meses e que había durar corenta anos en exercicio.

A idea da ilexitimidade dos poderes democráticos e da lexitimidade do golpe é hoxe perigosa e negacionista. Non se pode actuar con aqueles mestres. Discutir a lexitimidade non é cousa menor en democracia. O peor non é que algúns o discutan, senón que transmiten a convicción de que o cren.

Hai ideas que carga o demo e os papeis terman do que lles poñen. Por iso máis explícito que aquel ditame do franquismo nacente resulta a palabra do xeneral Mola no último informe reservado de xullo de 1936: «Se ha intentado provocar una situación violenta entre dos sectores políticos opuestos para, apoyados en ello, proceder, pero es el caso que hasta este momento -no obstante la asistencia prestada por algunos elementos políticos- no ha podido producirse».

Non pode confundirse un mecanismo parlamentario cun roubo nin unha votación que expresa a vontade xeral cunha fraude. Nestes tempos que corren, cómpre necesariamente non confundirse ou esquecer de onde vimos. Demasiadas evocacións perigosas.