O idioma do ceo

OPINIÓN

12 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez é máis certo iso de que moitos políticos se serven das linguas, pero estas non se serven deses políticos.

Hai que ser moi cínico ou ignorante para afirmar cousas tan peregrinas como que o castelán está practicamente desaparecido en Galicia. Por moito que agora se desdiga quen o dixo, o rebumbio xa está consumado. Unha frase equiparable podía ser que en Madrid se fala maioritariamente o inglés, ou que no ceo só se fala castelán. Non todo vale.

Un xa está farto de ter que estar defendendo o porqué da súa existencia. Hai moito tempo que me resisto a dar explicacións de por que falo ou escribo en galego.

Agora, si, a casuística é a que é. E, por se alguén ten algunha dúbida de como están as cousas dos idiomas na nosa terra, dicirlle que Tom, un meu xenro holandés, fala moitos idiomas, entre eles, o castelán, e leva facendo vida normal e traballando aquí hai xa máis dun ano sen ter coñecementos de galego, algo que agora vai remediar polo cariño e interese que sente polos idiomas. Cústalle un mundo comprender que haxa xente que odie as linguas. Para el iso é como queixarse de que a túa maceira dá moitas mazás.

Pero a realidade é a que é, e se ninguén ten a obriga de aprender unha lingua esta nunca poderá ser a lingua dun país, nin acadará o prestixio necesario.

Lembro que hai un par de anos unha muller me pediu opinión sobre un epitafio que ela escribira para poñer na tumba de súa nai. Logo de o ler díxenlle que o texto era mellorable. Así que ela teimou para que eu lle dese unha volta. Como o texto estaba en castelán, aviseina de que llo facía en galego, pero ela axiña me dixo que de ningunha maneira, moito mellor en castelán, porque arriba seica se fala esta lingua.