Non é o Monopoly

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A ver, señorías, sexamos serios. Isto de dirixir un país non é xogar ao Monopoly. Que pensaban? Que podían mercar, vender, quitar propiedades e devolvelas con cartos de mentira?

Non é tan sinxelo. O taboleiro do Monopoly recóllese ao rematar a partida e todos rimos coas ganancias e perdas. Pero o chan do país segue estando no mesmo sitio despois de cada xornada. E os cartos son de todos, que traballamos ou sufrimos o desemprego, que pagamos impostos ou recibimos axudas. Por iso esiximos seriedade e franqueza.

Non se escuden en que a oposición (ou aliados de poder) están a perpetrar un acoso e derrubamento ao Goberno. É certo? Si, claro que si. Estanlle buscando as cóxegas a todos e cada un dos membros do executivo e van mirar ata se meteron un día o dedo no nariz. E que? Que agardaban? Pensaban que non ían ser así? Que crían, que despois da moción de censura lles ían poñer unha alfombra para recibilos?

Vostedes tamén son uns ilusos! Veña, por favor! Nin lles van dar luz verde ás ideas que propoñan, nin apoiar as novas políticas, nin votar a favor polas novas leis, e moito menos facilitar os presupostos. Era visto! Ou pensaban que ían dar cunha man aberta para axudarlles? Por favor, por favor... En que mundo vivimos?

E por se iso non chega, vanlles analizar ata o sangue. Vanos chuchar, señorías. Así que o mellor é que teñan unha vida exemplar e, se non a teñen, abstéñanse de quedar inmaculados. E por favor, se os pillan, dimitan. Polos menos dean exemplo, que isto non é o Monopoly.