05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Abarafunda que ergueu a chegada a Galicia do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, sobre o que xa teño escrito eiquí, lévame a lembrar un home pequeneiro, redondo de cara, con lentes de pasta -il chamáballe os anteollos-, sempre cun sorriso amable, fumador, mesmo de vello, con escaso e branquísimo pelo, calmo e falando baixiño nun galego hiperenxebre, por diferencialismo, claro, cun case nada de léxico e fonética ourensáns. Inspiraba confianza. Polo menos a min, fascinado desde que nos atopamos na biblioteca do Centro Galego -con quince eu, e il con setenta e moitos-, disposto a seguilo con respecto… Así era Rodolfo Prada Chamochín (Os Peares, A Peroxa, 1892-Buenos Aires, 1980), un emigrante que arribou moi noviño á Arxentina, cos pais e irmaus, e que espertou cedo á fe galeguista. Prada estivo en todo: nas Irmandades (1917), na porteña Asociación Protectora da Academia (1921), na fundación do Partido Galeguista (1931) viaxou expresamente a Pontevedra, foi iniciador e secretario da Casa de Galicia, colaborador e copropietario de El Correo de Galicia, mentor da Organización Nacionalista Republicana, secretario en 1937 do Centro Galego... En 1940 consegue que Castelao radique, como exiliado, en Buenos Aires. Alma e mau de aceiro do Centro Ourensano, acolleu nil a Daniel (así lle chamaba sempre a Castelao) e, despois de propiciar a primeira viaxe de Otero Pedrayo a Buenos Aires, preparou a edición de Sempre en Galiza, que tirou do prelo nas Ediciós As Burgas. Todo na encrucillada de 1945. Castelao, con humor e cariño, dicíalle Zurcevirgos, tal era a habelencia política e a capacidade organizativa de quen percorreu América enteira engadindo irmaus á causa. E como non podía ser doutra maneira, foi Prada quen lle suxeriu ao xenial rianxeiro que escollese unha estampa do seu Galicia Mártir (Valencia, 1937) para o Día dos Mártires Galegos. O Guieiro decidiuse por A derradeira leición do mestre, e o cadro estivo pronto para o acto (17-08-1945). O resto da historia levouna Prada consigo o día que finou, o 3 de novembro de 1980. Proposto para presidir a preautonomía, segue a ser o esquecido.