Precariedade, pobreza e desigualdade


Un dato para reflexionar: o PIB de Galicia xa é superior en case 3.000 millóns de euros ao de 2008, pero a renda salarial aínda está 1.250 millóns por debaixo. Temos máis riqueza pero está peor repartida, porque a política neoliberal provocou unha redistribución da renda en contra da maioría social. 

En 2008 a participación das rendas salariais no PIB era do 47 %. En 2017 xa é de tan só o 42,7 %, unha caída de 4,3 puntos, equivalente a máis de 2.600 millóns de euros. Retrocedemos porque hai menos emprego, máis precariedade e peores salarios. A precariedade xa é unha característica estrutural do mercado de traballo en Galicia. Un dato o demostra: só o 47 % das persoas asalariadas afiliadas ao réxime xeral da Seguridade Social teñen un contrato indefinido a tempo completo. O 53 % restante ten un contrato temporal ou traballa a tempo parcial. Para que se entenda ben, máis da metade da clase traballadora galega está en situación de precariedade.

Precariedade e pobreza laboral, porque a crise, pero sobre todo a política neoliberal imposta, son as responsables de que volvan existir traballadores pobres, persoas que a pesar de teren traballo non poden vivir do seu salario de forma independente.

Os últimos datos coñecidos revelan que 312.000 asalariados teñen ingresos inferiores a 655 euros brutos mensuais, unha cifra tan baixa que coloca a quen a cobra por debaixo do limiar da pobreza. Esta é a realidade laboral do noso país cos datos oficiais do IRPF: unha de cada tres persoas con ingresos salariais está en pobreza laboral porque cobra menos do salario mínimo interprofesional.

É certo que na súa maioría son persoas que traballan unhas horas ao día, uns días á semana, uns meses ao ano. Pero é que iso é, exactamente, a precariedade laboral: traballar con baixos salarios, a tempo parcial ou con contratos de moi curta duración.

Precariedade, pobreza laboral e desigualdade, porque as políticas da dereita teñen agrandado as diferenzas ata niveis descoñecidos na historia recente do noso país, tamén no mercado de traballo.

Cos datos dos ingresos declarados no IRPF sabemos que a masa salarial das 13.000 persoas con maior renda foi superior á das 312.000 persoas de menos ingresos. As elites, a minoría social, gañan de media 65 veces máis cás persoas precarias de baixos salarios.

A precariedade, a pobreza laboral e a desigualdade salarial non son efectos colaterais nin un prezo a pagar de forma inevitable pola crise. Non. Este deterioro social, esta transición dende un mercado de traballo precario a unha sociedade precaria é a consecuencia dunha estratexia premeditada, definida e planificada aproveitando o shock da recesión, que ten nome e instrumentos. O nome é a devaluación interna e os instrumentos son as reformas laborais, impostas co obxectivo de reducir os dereitos laborais, co fin último de baixar os salarios. Agora estamos no tempo de derrogalas, para que o emprego estable e con dereitos, incluído o de ter un salario digno, volva ser a norma e non a excepción.

Por Manuel Lago Deputado de En Marea

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Precariedade, pobreza e desigualdade