Saia si, saia non

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou aburrida do tema. Cansa. Molesta. Quédame a sensación de non ter avanzado na sociedade. Moito goberno paritario, moito falar de estatísticas e total, nada. A brecha salarial segue aí (o que queira pintarme os números bonitos, que fale comigo, que pertenzo ao machista mundo da construción e sei o que hai), coma os comentarios sexistas.

 

O último? Navegando por Internet leo: Roland Garros prohíbe o traxe post parto de Serena Williams. Normalmente non fago caso deste tipo de anuncios pero, vaian saber por que, deume por mirar. Pincho o enlace e sae a foto: aí estaba ela, cun traxe desde o pescozo ata os pés, en negro, xogando ao tenis. Non o entendo, de verdade. O argumento da federación é que hai que respectar o xogo e o lugar. Dubido moito que o devandito traxe lle ofreza á tenista unhas condicións físicas que a faga superior ás súas rivais. Será porque di que as medias lle axudan a circular o sangue? Tamén se admiten vendaxes varias que mitigan dores e cambras aos xogadores, non atopo moita diferenza.

Daquela, a escusa do lugar mátame. Por que non é axeitado? Porque vai apertando a carne baixo a licra? É máis decente levar as mini-saias coa roupa interior ao aire? Por certo, que ten que ser branca, segundo as normas, por se non o sabían.

Se hai algunha explicación técnica que o avale, por favor, díganmo, porque estas cousas fanme pensar que, polo si ou polo non, ás mulleres xúlgannos polo físico e outras calidades que pouco teñan que ver coa nosa valía física ou mental.