Son unha total defensora da educación pública. É a base para que calquera sociedade poida progresar, medrar, superarse. Poñer os medios ao alcance de todos é elemental. Partindo de aí, fraco favor lle fan pesoeiros e pepeiros facendo un uso fraudulento da entidade. Eu estudei na escola pública, na súa etapa máis básica. Logo continuei no bacharelato. Cursei os meus estudos universitarios tamén nunha universidade do mesmo carácter. Sacrifiquei moitas cousas para acadar o meu título. Ninguén me regalou absolutamente nada, todo o contrario.
Non teño nada que ocultar, pero tampouco vexo a necesidade de que teñan que dixitalizar agora canto traballo ou exame presentei ao longo dos cursos. Posteriormente cursei varios máster a distancia. Pensan que non teñen valor? Pois cóntolles. Como traballaba e non podía asistir á clase, pasei moitas noites restando horas ao sono para poder obter o título. Cando entre semana comía soa, aproveitaba ese tempo para acompañarme na mesa dos libros e avanzar na materia. Foron moitos meses de traballo. Moitos. Organizándome como boamente podía. Para min, un esforzo equiparable a facelo presencial. Tiña que desenvolver exercicios, traballos... con prazos de entrega. A cumprir con rigor! Quedo con iso. Con que o que teño, sexa máis ou menos, conseguino eu. E quen sabe, igual era suficiente para ser ministra! Sen necesidade de trampear máis. Non fagan dano. Non tiren por terra o esforzo e a integridade dos demais. Non é xusto. Non todos somos iguais.