Imos ver. Vai haber que facer un decálogo do bo político, porque eu non entendo tantos estragos ultimamente. Se tes os cartos en paraísos fiscais, non vale. Se che regalaron un título académico, abstente. Se pertences a unha trama corrupta, fóra. Se publicaches chíos incendiarios nas redes sociais, nin o intentes. Se, basicamente, tes algo que ocultar, que non sexa digno de representar ao teu país nin ser exemplo para os cidadáns... non sexas ministrable, por favor.
Pero, de verdade, fai falla explicalo?
Estou completamente sorprendida co caso da ministra Carmen Montón. Non aprendemos nada dos casos anteriores? Podemos pecar de inxenuos, pode que nos falte experiencia para expresarnos ante os medios, pode que metamos a zoca inocentemente por novatos, pero estou convencida de que cada un de nós sabe o que estudou e o que non. Non serviu de nada o caso Cifuentes? Negouno por activa e por pasiva, e acabou aparecendo algo peor para que rematase dimitindo. No caso que nos ocupa hoxe ocorre exactamente o mesmo. Negou, negou, negou... ata que se descubriu o caso. Pero é que isto é máis grave, porque acababa de pasar o de Cristina.
Non sei que ten o poder que tanto atrae. A pesar de todo e por riba de todo, arriscan a súa credibilidade por ocupar, cando menos por un tempo, un cargo. Outra vaca no millo!
Sexamos congruentes. A min encantaríame facer moitas cousas para as que non teño tempo e non as fago. Pero gárdome ben de pagar por aparentar o que non son.
Xa ven que non serve para nada bo.