Unha de romanos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Oprimeiro contacto dos romanos con Galicia foi no ano 139 a. C., cando Quinto Servilio Cepión, perseguindo unha tribo de molestos lusitanos que constantemente os acosaban, entrou no noso territorio; mais foi un contacto fugaz. Poucos anos despois chegaría Décimo Xunio Bruto, quen consegue vadear, non sen traballo, o lendario río Lethes, actual Limia, fronteira entre galaicos e lusitanos. Conta a historia que tivo que convencer os seus soldados, que, amedrentados, negábanse a cruzar o río; crían que, se o facían, e segundo a lenda, esquecerían quen eran ao atravesalo. Así que cruzou el primeiro e foi dando o nome de cada un deles dende a outra beira; dese xeito, e xa confiados, pasaron o río e puideron proseguir a conquista cara ao norte. A Décimo Xunio Bruto alcumárono O Galaico polos logros militares no noso territorio.

Chegou ata Fisterra, onde el e as súas tropas quedaron abraiados vendo o espectacular solpor no mítico mar Tenebroso (océano Atlántico), onde segundo as crenzas habitaban terroríficos monstros mariños. Máis tarde, nos anos 61-60 a. C., coa Gallaecia costeira conquistada e baixo a pouta da aguia romana, chegou ás nosas costas o emperador Xulio César, e arribou nas illas Cíes, onde arrasou unha pequena poboación de rebeldes galaico-lusitanos alí refuxiados. Despois bordeou a costa galega ata chegar á estratéxica Brigantia, probablemente a actual A Coruña, para establecer pactos cos líderes locais e seguramente tamén para gravalos con impostos recadadores. E di a historia que os habitantes de Brigantia tremeron ao ver chegar a frota do emperador co estrondo que facían os seus remos batendo no mar. Hoxe, despois de tantos anos, non son romanos, pero a pouta continúa con outros nomes e tamén con outros xeitos, e aquí seguimos.