Non vou criminalizar os xogos electrónicos por un tolo afeccionado a eles. Chegou a pensarse que a moda estadounidense dos xogos de rol podía ser unha escola de asasinos. Nada máis lonxe da realidade. Un ten que saber ata onde chega a interpretación, o xogo. Hai quen o toma tan en serio que perde os papeis. Pero iso tamén pode pasar co xadrez, un xogo que non se pon en dúbida porque axiliza a mente. Ai, a estratexia. O meu avó e o seu amigo Xoaquín podían pasar días sen falarse despois de xogar ao xadrez. Claro que conseguiran fabricar as pezas do xogo con raíces e anacos de madeira. Viviron, durante 27 meses, nas covas do monte, agochados para non iren á guerra. O xadrez era dos poucos entretementos que tiñan, e tamén das poucas desculpas para sumirse nos seus pensamentos. Pero iso é materia para unha novela. O caso é que acaba de producirse unha matanza porque un participante nunha competición dun videoxogo quedou eliminado. Non, non é que os xogos electrónicos fabriquen asasinos. Pero hai que poñer límites á realidade virtual. Tolos hai de todo tipo. Pero, por se acaso, non deamos ideas.