Proletarias dos proletarios

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

Mujeres durante una protesta conta la prostitución
Mujeres durante una protesta conta la prostitución

10 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En España a prostitución foi legal até que se aboliu durante a Segunda República. A ditadura volveu regulala e en democracia está en situación de alegalidade, como exercicio libre e non penado, pero sancionable en zonas públicas. Os concellos teñen competencias para a regulación nas súas rúas mediante ordenanzas municipais. Non está contemplada no Código Penal, pero si se consideran delito a prostitución de menores, a forzada en maiores e o lucro de que outra persoa exerza a prostitución -aínda que sexa voluntariamente- se hai explotación (as cifras máis conservadoras que se manexan falan de que só este suposto supera o 80 %). 

Neste ámbito do si pero non, ou depende, é evidente que o problema non se abordou axeitadamente e, cando se propón ilegalizalo, sempre hai alguén que di que se deixaría sen medio de vida a quen hoxe xa están dentro do negocio dirixido pola terceira mafia organizada máis poderosa do mundo, casualmente, a industria do sexo, que busca integrarse na economía de mercado como unha alternativa laboral aceptable.

«Pedir que se legalice a prostitución ten que ver con que a maioría das prostituídas son mulleres. Que sindicato podería animar aos parados de ningún sector a prostituírse como saída laboral? Esta nova oferta de traballo do Inem suporía o dereito á formación en cursos -como os que hai de pago nos Países Baixos para aprender todos os aspectos abarcables polo traballo sexual-», en opinión da secretaría da Muller do Partido Comunista de España, como pode consultarse no seu documento 20 razóns para argumentar que a abolición da prostitución é unha liña vermella básica innegociable. Só lle engado a proposta de evitarmos o termo abolición cando queremos dicir prohibición. Polo demais, non podo estar máis de acordo, e vén a conto porque na esquerda próxima a esta ideoloxía hai posicións sindicais a prol do mesmo que defenden a alcaldesa e o seu grupo: considerar a prostitución e o proxenetismo -que van unidos de seu- como algo separable da loita contra a trata e o tráfico de persoas.

En Barcelona prohibiuse en 2012 con multas de até 3.000 euros para os clientes e até 750 para as prostituídas. Agora, cando por fin hai unha axenda feminista aberta polo novo Goberno, aparece este debate tramposo que beneficia aos capos infiltrados nos poderes que manexan, toleran, comparten, participan ou miran para outro lado, mentres o pasan bárbaro vendo «as rapazas» no ring, para pelexaren na lama, actividade altamente excitante para algúns e máis se elas son feministas. Por se é precisa algunha cita de san Google, téñoas para todos os gustos. Flora Tristán: «as mulleres son as proletarias dos proletarios». Marx: «a práctica é a verificación da verdade». San Mateo: «polas súas obras, coñecerédelos» (Mt 7, 15-20). Caretas fóra, please.