Balboa é un pequeno concello do Bierzo situado ás portas de Galicia, no que aínda se fala en galego, e onde todo, aos galegos, nos resulta moi familiar. A primeira vez que cheguei alí foi para asistir a un magosto no que o mestre de cerimonias era o meu prezado Iñaki Peña, director do programa Trébede de Radio 3. O encontro foi na Palloza de Balboa, unha construción actual que respecta os parámetros da tradición e que hoxe está enfocada de cara á hostalería e como centro de actividades culturais variadas. A palloza quedou pequena para acoller tan bo ambiente, con xentes chegadas de moitos lugares, porque en Balboa foméntase o encontro e apóianse iniciativas que fan deste pequeno núcleo de poboación un lugar atractivo e amable, cun feixe de festivais de todo tipo na actualidade. Pouco despois, con Luar na Lubre, fomos convidados uns días á Casa de Lamas ou Palloza de Canteixeira, unha antiga construción tradicional rehabilitada e dedicada tamén á restauración e á cultura nesa aldea situada a máis de 1.000 metros de altura. De aí saíu unha boa parte do noso traballo Cabo do Mundo (1999) e unha cantiga dedicada. Esporadicamente, fixen diversas paradas en diferentes tempos e fun vendo como ía evolucionando o lugar, e o paso do tempo sentáballe cada vez mellor, resultado dunha combinación de agarimo e respecto das súas xentes ao propio; e así, das mans de persoeiros como José Manuel G. Monteserín, Domingo González ou Chis, entre outros, gozamos de lugares únicos como La casa de las gentes, A palloza de Chis, El molín de la agüita, O hórreo da Ribada etc. Novas iniciativas foron xurdindo co paso dos anos e Balboa mantén e mellora a esencia, ata o punto de que cada 12 de agosto as estreliñas do ceo choran dun xeito especial en Pumarín.