Converxencias non imposibles

OPINIÓN

03 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non debera ser difícil poñer de acordo ás forzas que realmente queren un cambio que transforme a sociedade nosa, en canto a: 1) Necesidade de procurar e adoptar medidas sobre a minguante poboación galega; 2) Actuacións a adoptar con eficacia para reverter o actual deserto en que o país se está convertendo; 3) Fórmulas para potenciación de zonas deprimidas pero con claras posibilidades de desenvolvemento; 4) Poñer en valor, como agora se di, a minoría que somos, a riqueza da súa complexidade material e espiritual (cultura, ordenación do territorio, urbanización...); e 5) Desenvolver un patriotismo intelixente, que teña pouco que ver con arroutadas ou actitudes primarias e moito coa valoración da riqueza da nosa diversidade.

Calquera suízo se sente orgulloso das súas catro linguas porque sabe que a diversidade é riqueza, e negala ou non recoñecela, pobreza sen sentido. A diferenza está en que Suíza é un país civilizado e nós un país por civilizar. Pero, de querelo, podemos civilizalo.

Ben merece un esforzo duns e doutros converxer na defensa das cuestións antes ditas, e de maneira especial na idea dun patriotismo intelixente, perfectamente asumible por todos, pois se tal cousa se conseguise, coma noutras partes con máis cultura democrática se conseguiu, gañariamos en respectabilidade política e no máis importante: a única posibilidade que vexo de ilusionar á nosa escéptica sociedade actual.

Porque non o esquezamos: a xente ten razón en non crer en nada cando ve «que nin entre eles se entenden». Só un entendemento mínimo, pero esencial, pode acabar con ese escepticismo. Seguir de fracaso en fracaso, coma deica agora, é a negación de todo futuro. Seguir tirando polo camiño de sempre xa sabemos a onde leva.