Talento mal aproveitado

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xente moi enxeñosa. Para servir a piña natural unha vez trouxéronma tan ben colocadiña, recortada e disposta que me daba pena desfacer o prato. Tamén a tomei á brasa, algo que non se me ocorrera facer a min antes de velo. E, por se non o saben, pode mercarse de moitas formas diferentes; xa lonxe quedan os botes de folla de lata grandes, que unha vez que se abrían debiamos comer a froita no mínimo tempo posible, por se se oxidaba, a froita e mailo envase, todo sexa dito. Moito avanzamos en hixiene! Para evitar precisamente este problema agora véndense latas case individuais, nas que tan só collen tres toriños de ananás pequerrechos. Usar e tirar. Pero o último en venda de piñas é a piña rechea. O que oen. E de que? Pois de cocaína. Estoulles autenticamente alucinada. Piñas perfectamente recortadiñas, facendo o debuxo das escamas da pel, baleiradas coidadosamente e... recheas de cocaína. Eu é que non saio do meu asombro. Moito se inventa para traficar coa droga. Se o outro día lles dicía que me podían vender un viño malo por un bo, seguramente deixaría pasar as piñas en bandexas diante de min sen sospeitar que portaban tal arsenal. Claro que, se traballase de investigadora, xa tería o nariz adestrado, porque droga pásase nos fondos das maletas, no medio do aceite, de pernas ortopédicas, bombóns, flores, plátanos ou freos dun automóbil. De todo xa se viu. Non sei de onde saca o enxeño esta xente, quizais da avaricia. Pero está claro que hai moito talento mal aproveitado.