As contas furadas

OPINIÓN

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Envía o ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, unha ameaza explícita aos exhibidores de cine por non faceren repercutir debidamente a rebaixa do IVE (do 21 ao 10 %) nas entradas que pagan os espectadores cando acoden ás súas salas.

A posibilidade dunha revisión do asunto fica no aire, pero convida de novo á reflexión. Nos últimos anos vemos como se van pechando os cines das nosas vilas e tamén os das nosas cidades. E todos, dalgún xeito, sentímonos culpables por deixar que iso aconteza. Uns meus amigos, non contentos con esa realidade, aínda hoxe van todos os xoves ao cine, boten o que boten, sen lles importar estar sós nunha sala fría, nin ter que amolar o traballador da sala un día solto de semana. A súa razón é moito máis ca un ritual, talvez unha paixón apegada á fascinada inocencia das películas da infancia.

Ninguén discute o problema estrutural que hai no sector cinematográfico, nin outros factores que afectan directamente ao mantemento das salas, como poden ser a piratería ou a redución no prezo das pantallas de televisión, unido á oferta rica e variada das plataformas dixitais.

Pero tamén é certo que o prezo é unha parte fundamental dese proceso, porque o cine naceu para o gran público e, se tes que pagar nove euros por unha entrada para unha película, convértese nun espectáculo de elites.

Ademais, hai experiencias nalgunhas cidades onde se reduciu o prezo das entradas e se acadou un grande éxito de público. Por iso, as palabras do ministro son unha dura advertencia aos donos das salas para que adapten os prezos, como fixo un toliño que mercaba o periódico por catro pesetas e apañaba cinco cando llo entregaba ao xuíz.

Mais un día, logo de que o xuíz lle entregase o peso de rigor, o toliño ficou quedo porque o periódico subira unha peseta e as contas saíanlle furadas.