Fabricar o verán

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non dá chegado o verán. Debe ser a frase máis escoitada nas últimas semanas. E eu deixábame ir entre as letras sen meditala. Pensei que estaba a agardar tamén pola calor, polo sol. Finalmente chegou, xusto nas festas patronais, xusto co inicio dos incendios forestais. Sobrevoaban o ceo os artefactos pirotécnicos e as hélices do helicóptero.

Daquela, o verán chegou, pensei. Porque non hai verán sen incendios, por desgraza. Pero as vacacións estivais deberan ser algo máis. Deberan ser os paseos á beira do mar ou do río, baixo a sombra das árbores, rodeada da familia, dos amigos... Deberan ser as longas sobremesas ao redor dunha mesa, as bebidas frescas mentres observamos como se vai poñendo o sol. As noites nas que desaparecen os reloxos que nos manden deitarnos. As lecturas deste e daquel libro, desa e daqueloutra historia. Pechar os ollos e sentir o peso do aire sobre eles. Durmir. Desvelarse. Almorzar con calma. Correr. Estar quieta.

Onde foi todo iso? Négome a pensar que o verán só existe na infancia. Non pode ser. Quizais é que non sabemos mirar, buscar. Envólvennos as présas, as noticias do xornal, o desasosego, as preocupacións, o desencanto, os problemas, as leas... o mal humor, o medo. A comodidade. O deixarse ir.

Buscar o verán é de valentes. Dos que son quen de romper a rutina e obrigarse a parar. A buscar tempo para ler un libro, para sentir o aire, para obrigarse a sorrir. O sosego tamén pode construírse, fabricarse. Reeducarse tamén é iso, volvernos mellores.