Intolerancia. Tolerancia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado venres, no acto de homenaxe ás vítimas dos atentados de Barcelona, algúns e algunhas asubiaron á coñecida e recoñecida xornalista Gemma Nierga por falar catalán na capital de Cataluña. Intolerancia. Un apreciado profesor meu nas aulas de Historia Moderna de hai trinta anos, Juan Eloy Gelabert, hoxe catedrático da Universidade de Cantabria, e Miguel Martínez, un mozo profesor na Universidade de Chicago, en senllas recensións críticas, destrúen con fundamento o libro imperiófilo de Elvira Roca Imperofobia y Leyenda Negra. Un auténtico éxito de vendas de Historia, que gusta moito sobre todo ás xeracións que se educaron acriticamente coa Enciclopedia Álvarez e aos que, sen padecela, a botan de menos. A autora, especializada en literatura clásica e baixomedieval, revira sen misericordia a reputados expertos no imperio español como J. H. Elliot, R. García Cárcel, J. Pérez ou H. Kamen, para asombro de Gelabert e de Martínez, que tamén lle tiran un bo número de erros e inexactitudes ao exitoso libro, con toda canta elegancia son capaces de despregar e sen desmerecer nin denigrar unha miga o libro, e moito menos á persoa que o fixo. Tolerancia.

Nestes tempos de Salvini, Trump, Putin e Orban -os de por aquí aínda son alevíns, e que sigan así- cómpre interesarse máis pola tolerancia que pola intolerancia, sexa esta imperial ou simplemente ditatorial. A tolerancia sálvanos. Estoutro día, presentando as memorias e diarios das irmáns García del Real, Historia de la Guerra Civil contada por dos hermanas, a súa neta Carlota Bustelo Ruesta contou como na Transición a súa avoa Carlota García del Real fixo unha festa para celebrar a aprobación da Constitución, na que se reuniron parentes e amigos de todo o arco parlamentario, de AP ao PC, dun xeito que algúns non parecían entender. Tolerancia é a palabra da avoa que máis e mellor lembra a neta daqueles tempos de disputa política, nos que as familias se repartían da dereita á esquerda cunha novidade que as máis novas das netas tendían a radicalizar. Tolerancia por riba de todo. As súas memorias e a súa vida amosan a importancia franca que daba a esa palabra. Ela e a súa irmá Fernanda viviran a tolerancia da pluralidade na súa propia familia, tiveran tempo e ocasión de practicala ata un punto que aínda hoxe, despois de catro décadas, é difícil de comprender. Unha tolerancia imposible de practicar e de imaxinar sequera durante a ditadura que remataba. Sabían que era posible. Sabían de que falaban. Tamén sabían que a tolerancia podía perderse e sufriran a intolerancia.

Hai unha semana asistín a un fermoso acto fúnebre, inevitablemente triste, en lembranza dunha persoa alegre. A súa parella, sentimentalmente educada como a finada na revolucionaria transición madrileña, escolleu para rematar o acto a canción que máis a emocionaba a ela e pola que máis a lembra el: Viatge a Ítaca, o fermosísimo poema de Konstantinos Kavafis na versión catalá de Lluís Llach. O sentimento e a emoción tolerante por riba da distancia e dos prexuízos do tempo. A forza fermosa da tolerancia en tempos de intolerancia.