Zaloiras domingueiras

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño diante miña o número seiscentos noventa e tres de Galicia, revista editada polo Centro Galego de Bos Aires, correspondente a xaneiro do 2017, ano CIII, derradeiro número, de momento, dunha publicación mensual bilingüe, en galego e castelán, que constitúe un importantísimo referente entre as abondosas publicaciós galegas da emigración porteña. Galicia comeza a súa andadura en 1926, co subtítulo de Revista oficial del Centro Gallego de Buenos Aires dándolle continuidade ó Boletín oficial del Centro Gallego de Buenos Aires, órgano da institución aparecido en 1913 para substituír ó folleto Región Galaica, nado o 1 de outubro de 1907, cinco meses despois da fundación da institución, o 2 de maio de 1907. No último número publicado -ó que antes fixen referencia-, xaneiro do 2017, a Lic. María Mirta Vázquez encabeza o staff da revista como única responsable da dirección e redacción. Resulta curioso e chocante que o editorial, asinado polo actual Interventor Xudicial, Martín Moyano Barro, Todo en su justo lugar comece recoñecendo que a súa «misión primordial» é a normalización da mutual Centro Gallego de Buenos Aires, para devolvérllela ós seus verdadeiros donos, os socios. E que, despois de facer repaso das elecciós do 28 de agosto de 2016, que il considera como «libres y transparentes», a pesar da opinión contraria dun «minúsculo grupo de asociados» que interpuñeron malévolas demandas xudiciais e gubernamentais, «desestimadas y rechazadas todas ellas», afirma Moyano Barro, «incluso por la Cámara del fuero en lo civil». E a partir de aí, este señor, confianzudo e atrevido, non dubida en citar a José Ortega y Gasset: «¡Argentinos, a las cosas, a las cosas!», declara pechado o capítulo dos desencontros e promete marchar, «con la alegría de la tarea cumplida». Para alguén coma min, criado nun humilde fogar de trasterrados, no que a revista Galicia era a única novidade bibliográfica que chegaba cada mes, traída en mau polo cobrador, a desfeita moral e institucional do Centro Galego resulta, por magoante, case incrible. Non tanto polas miserias humanas que estas situaciós traen consigo -alá cada quen coa súa conciencia- mais ben polas zaloiras domingueiras dos que latrican desde lonxe. Non vaia ser que…