Non se acabou

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Véxoo. É un filme perfecto. Comeza cun mozo agardando na porta do cárcere. Sae un ancián de moi bo aspecto, bronceado polo sol, sorrindo. Camiña tranquilo, lento, só, co aspecto de ser un home respectable que vive coa conciencia tranquila, cunha calma que lle invade o corpo e a mente.

Non apura o paso, coma se non precisase desa liberdade que acaba de acadar. Os dous homes danse unha aperta, forte. Nin moi longa, nin demasiado curta. A xusta. Desas apertas que teñen a lonxitude exacta porque entre as persoas que a conforman está todo dito, enténdense, non precisan máis.

Son avó e neto. Soben ao coche. Quen abandona o cárcere despois dunha prolongada estancia é o primeiro. Quen conduce, o outro. Non lles reborda a alegría. Un ricto de seriedade invade a escena.

De súpeto, o ancián ten un teléfono. Non queda claro se llo acaban de dar ou o traía de dentro do cárcere. Manéxao con soltura. A conversa que mantén é curta, concisa, concreta. Corta a comunicación axiña. E os dous ocupantes do vehículo míranse cómplices. O vello asente, o mozo fai o mesmo. E, por fin, sorrín, coma se a adrenalina os dominase, coma se estivesen a piques de dar outro golpe. Así é. Porque todo ocorre, mais fóra da película, na realidade. Vivimos a auxe do relato do reinado dos narcos galegos que dominaron o país nos anos 90 e todo rexorde. Sito Miñanco hai uns meses, Manuel Charlín hai unhas horas.

Non se acabou. Seguen aí, desafiando tempo e paciencia. Minando vidas. Saltando conciencias.