Escoitando radio

OPINIÓN

07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre fun moito máis de escoitar radio que de ver televisión. Lembro, cando era cativo, aqueles rechamantes aparellos de tamaño xigante que funcionaban con lámpadas, cos seus diais mecánicos, aqueles grandes botóns e os estraños ruídos das interferencias atmosféricas que mesmo semellaban algo paranormal. Tamén as poucas emisoras en activo, e o lonxe que parecían estar, semellando que falaban coma dende o final dunha profunda cova ou dende outro planeta. Pero esa era precisamente a maxia daqueles aparellos que convertían as ondas que viaxaban polo ar en voz e música, que podiamos escoitar dende as nosas casas, e fantástica función a que cumprían. A tecnoloxía foi mudando a gran velocidade e axiña chegaron instrumentos máis sofisticados e manexables, como os receptores capaces de sintonizar emisoras de todo o mundo, e aí é onde se fai real a universalidade a través das ondas, sexa no idioma que sexa. Cando me empezou a interesar a música celta, como aquí non se podía escoitar na radio nin mercar nas tendas, varios rapaces cos mesmos gustos quedabamos nunha casa para sintonizar, non con pouco traballo, un programa da BBC británica a través da onda media e gozar das músicas dos grandes grupos que abriron camiño como Planxty, The Bothy Band, Swenney’s Men, The Johnstons… Era abraiante, e de cada escoita aprendiamos algo novo. Sen dúbida, tempos de emoción e ilusión que se foron convertendo en algo real, e hoxe, xunto coa actividade con Luar na Lubre, teño o privilexio de dirixir un programa na sintonía de Radio Voz Galicia sobre as músicas que a min me gustan, todos os sábados e domingos do ano, para que non teñades que sintonizar traballosamente emisoras de fóra. Moito mellor, non?