Don Ramón María del Valle-Inclán morreu convencido de que «lle fallara a súa época», que nunca o comprendera, e tiña toda a razón. De feito, el finou en xaneiro de 1936, na véspera da Guerra Civil, e o seu éxito internacional como gran dramaturgo non chegou ata os anos sesenta do século XX. Despois, converteuse nun autor internacional indispensable nos mellores escenarios, á altura de dramaturgos coma Michel de Ghelderode, Bertolt Brecht, Eugène Ionesco ou Samuel Beckett. Sucedeu isto cando os seus tempos foron chegados, é dicir, os tempos do creador dos esperpentos como obras implacablemente críticas cunha sociedade chea de embelecos, miserias e falsificacións.
Atinara Valle-Inclán ao crer que lle fallara a súa época, que non soubo entendelo nin recoñecelo, pero sempre tivo a sospeita de que a noxenta sociedade na que vivía non podía sobrevivir sen cambios profundos. E atinou. O primeiro cambio foi un retroceso: a Guerra Civil, sanguenta e absurda, que asolou España. Logo, veu a represión política e cultural e, polos anos sesenta, os primeiros síntomas dunha apertura (aínda non política) pola que foi asomando a obra de Valle-Inclán, coa complicidade dos que de certo entendían de teatro. Tempos duns loitadores que querían verse no espello europeo, onde Valle-Inclán xa non era un descoñecido, tras as montaxes en París e a versión que Ingmar Bergman estreara con incrible adianto en Suecia en 1950.
Había unha rebelión interior que quería conectar co exterior. E neste camiño, coa complicidade de intelectuais comprometidos (mais non enfrontados abertamente co réxime franquista) comezou a recuperación progresiva e definitiva do dramaturgo galego, xa incuestionable. A Valle-Inclán falláralle a súa época, pero el non lle fallara á visión dunha modernidade crítica que alborexara na súa cabeza e que reclamaba o seu sitio no mundo da escena. Porque a súa época non fora a súa, senón que fora a de dramaturgos como José Echegaray e compañía, é dicir, os autores dun teatro vello, decadente, pobremente burgués e grandemente falsario. Esa foi a batalla que logo lles gañou para sempre Valle-Inclán a todos os que lle impediron asomar a cabeza no seu tempo.