Primeira clase

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

TANIA CIDONCHA | EFE

02 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixeron que os billetes delas se mercaron máis tarde e... vaites!, xa non quedaba sitio en business class, así que as rapazas do equipo feminino do Barça tiveron que ir en turista, mentres os seus compañeiros estaban coma raíñas na primeira clase do primeiro voo mixto do club que levaba a deportistas e deportistos de xira polos Estados Unidos.

Dixeron iso coma se fose unha escusa macanuda, ideal para demostrar que deixan que as mozas saian do salón de té para acompañar os machos. Elas xa deben de ter callo nesa parte do amor propio.

A Lei do Deporte só recoñece como profesionais a ACB e a Liga de Fútbol. O salario é, seguramente, a consecuencia máis evidente, pero acto seguido veñen cuestións máis sutís relacionadas coas fórmulas de cotización, as coberturas médicas para xente que está lesionándose constantemente e os contratos con cláusulas de rescisión unilateral que adoitan materializarse en caso de embarazo. Ademais, o día a día de viaxes en condicións pésimas, campionatos nos que as rapazas non teñen nin manutención nin transporte, mentres que eles comen con mesa e mantel diante delas. Porque ao non haber unha lei que obrigue a que sexa doutro xeito, o patrocinio do deporte feminino non chega ao 0,4 % do total. Sen ir máis lonxe, no Marisquiño vigués, a dotación de premios era menor nas modalidades femininas... ata que Twitter lle acendeu os roibéns á organización.

En realidade, as rapazas do Barça tiveron sorte de que non as mandasen ir nadando ata América, pagando do seu peto os hoteis ao chegar e dando grazas por levar o escudo do club na camiseta. Non é broma. Esas cousas pasan. Pero, mentres, a maior parte da xente está máis preocupada por xustificar a Messi cando defrauda a Facenda.