Sempre gustei de andar ás crebas e descubrir novos achádegos que a marea trae ata a praia, así coñecín estas pequenas pezas arredondadas que non son outra cosa que os opérculos dunhas caracolas e que serven para pechar a abertura da concha cando o animaliño se retrae cara o seu interior, facendo a función de porta que impida a súa seca e protexa a súa parte máis vulnerable. Este molusco debeu ser moi abondoso nalgunhas áreas da nosa costa aínda que hoxe esta considerado en vías de extinción e a única testemuña da súa fartura noutrora quizais só sexa este pequeno elemento que por outra banda xa case é considerado coma un semifósil.
A caracola da que falamos é a Astraea rugosa e dende tempos ben antigos os seus opérculos gozan dun grande aprecio tanto a nivel ornamental como de amuleto para evitar males de ollo ou conquerir felicidade, amor e outras bondades. No Museo do Pobo Galego temos varias mostras onde se destaca o seu poder para sandar. Teñen diferentes nomes como ollo de boi ou ollo de boi mariño, ollo vidal ou ollo da vida, ollomao, faba mariña, orelliña de mar, bíteres, etcétera. De tendencia ovada ten dúas caras: unha plana de cor branco e co debuxo dunha fermosa e perfecta espiral e outra alaranxada, máis irregular e con forma como de orella humana pero non menos fermosa nin chamativa. Non son exclusivas de Galicia xa que podemos atopalas en moitas praias do mundo con pequenas variantes morfolóxicas que as identifican pero en todos os lugares teñen unha función semellante aínda que o puramente ornamental enfocado dende a bixutería e xoiería é o principal. Eu teño unha boa colección destas marabillas que apaño nos meus paseos e que o día que determine voltarán ao mar, como é debido.