Hamacas

OPINIÓN

30 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dúas noticias na prensa que provocan certo arrepío e que dalgún xeito se conectan. Por unha banda, uns pais en Tenerife déitanse a durmir nunhas hamacas mentres a súa cativa está a piques de afogar no mar; e, por outra, a garda costeira libia afunde un buque de refuxiados no que aínda permanecen dúas mulleres e un neno. Da primeira nova non hai documento gráfico, pero abóndanos a imaxinación e o desexo de xulgarmos a irresponsabilidade e a imprudencia deses pais. Da segunda si temos un vídeo do neno morto, flotando espido na auga, ao carón dunha muller tamén morta sobre os restos da embarcación. A reportaxe é unha nova e valente denuncia de Open Arms. Mais, cal é o efecto que produce en nós? Vertixe, indiferenza. 

Non hai moito, tiven contacto cunha refuxiada siria que comezou cubrindo dende o terreo bombardeos diarios e ataques contra civís. Facíao a través das súas contas nas redes para contrarrestar a narrativa do réxime e construír pacificamente outro relato que convertera a súa revolución na máis documentada da historia. Cada vez que subía fotos ou vídeos a Internet dende o centro de medios ou dende a azotea do edificio, onde era máis doado coller o sinal e tamén sufrir un ataque, a súa única intención tamén era a denuncia. Ela mesma aparecía en televisións estranxeiras e árabes para achegar unha exhaustiva cobertura sobre o que estaba a acontecer nos barrios de Alepo. Agora, co paso do tempo, ela ten a sensación de que contribuíu a «estetizar» a violencia e a anestesiar espectadores que xa non queren máis imaxes da guerra. Algo semellante deben de sentir en Open Arms cando ven que a meirande parte da sociedade vira as costas para se deitar na súa hamaca mentres a conciencia flota na auga.