«Alba de Groria»

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

29 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Van alá setenta anos da que é sen dúbida unha das grandes pezas oratorias da literatura galega, seguramente tamén da política galega, pronunciada por Alfonso Daniel R. Castelao no teatro Arxentino de Buenos Aires o 25 de xullo de 1948, na festa do Día de Galicia. Un ano despois do falecemento de Castelao a xunta directiva do Centro Galego encargou a Eduardo Blanco Amor a edición bilingüe, galego e castelán, do texto, que publicou a propia institución en xaneiro de 1951 (2.000 exemplares numerados). Hai unha edición tamén bilingüe, en galego e en éuscaro, editada ese mesmo ano dende o Consello de Galiza, en colaboración co Goberno vasco no exilio, que conservamos na Fundación Penzol. A dedicatoria di: «Alba de Groria. Ao presidente do Consello de Galiza, Alfonso R. Castelao, que segue vivindo entre nós». 

Setenta anos despois os alumnos e alumnas do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Buenos Aires, institución exemplar á que tantas veces facemos referencia, fixeron unha lectura pública do texto. Sete décadas despois daba xenio escoitar nas voces novas, non todas necesariamente de orixe galega, as palabras de Castelao, ese anuncio marabilloso da alborada con que inicia o seu discurso, «no brente deste día», voando sobre a paisaxe dende «as serras nutricias do Miño e as gorxas do Sil» ata a costa brava de Fisterra, o mar a tecer encaixes en Camariñas, o monte de Santa Trega, sentindo as campás todas a anunciar a magnífica alborada. Resulta inevitable evocar o verbo aceso do patriarca Otero Pedrayo, en quen Castelao se inspirou, logo de escoitalo nun mitin galeguista no teatro García Barbón de Vigo tamén noutro 25 de xullo, neste caso do ano 1930. O discurso de Otero, que se publicou co título de A siñificación espiritoal do día da Galiza, e o de Castelao case que empezan igual, literalmente.

No Libro Cuarto de Sempre en Galiza, libro que se incorporou ao conxunto despois da morte de Castelao e que o autor concibía como o principio dunha obra diferente, o de Rianxo fai unha referencia ao texto e di que empezou a escribilo o 25 de xullo do ano anterior, 1947, estando el na cidade de Marsella á espera de embarcar de regreso a Buenos Aires. Segundo escribe, o discurso nacería, pois, durante esa viaxe, un ano antes de ser pronunciado no Teatro Arxentino. Henrique Monteagudo, que examinou con detalle as fontes e os manuscritos, advirte que non foi así. En realidade Castelao bota man dese recurso para iniciar un novo libro, pouco antes do seu falecemento. Tampouco o título, ben afortunado por certo, foi de Castelao senón moi probablemente de Eduardo Blanco Amor. Mais paga a pena volver sobre uns e outros, sobre a Alba de Groria e sobre ese principio do Libro Cuarto de Sempre en Galiza, onde Castelao reflexiona sobre o presente e o futuro da patria, sen renunciar nunca á esperanza.