Estamos alterados

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A única xustificación que atopo para que un coche pase a toda velocidade é a de non chegar a tempo a un hospital, por perigo de morte. É por iso que quedo pampa cando vexo as imaxes dun coche cruzando unha praza para arrasar cuns símbolos que reflicten un pensamento político, imaxino, contrario ao do condutor. Estamos alterados, señores. Moi alterados. Demasiado. E moito por mor da política. 

Os políticos (que tamén quentan os ánimos) están abocados a soportar toda clase de insultos cando andan pola rúa. Por que? Que necesidade temos disto? Non somos quen de respectar que os demais pensen distinto?

As redes sociais nas que me movo están cheas de xente que se dedica a criticar as accións políticas que non lles gustan, xamais recoñecen algo bo. E amósanse exaltados, ata maleducados, sempre increpando. Danme ganas de borrarme dese mundo dixital.

Aos artigos de opinión coma este, por exemplo, adoitan chegarlle comentarios de xente anónima ou coñecida que só ve o que non gusta, xamais unha frase de alento, un recoñecemento positivo. Coma se estivesen a buscar en calquera palabra, a máis sinxela e inocente, un ataque.

Vivimos crispados. Lonxe quedou a época do diálogo de Platón, e non pido volver a ela, retroceder. Pero... tampouco presumamos de sociedade avanzada. Os inuit, nómades, viven en pequenas comunidades onde o imprescindible é manter a boa disposición do grupo. A traizón a isto é o desterro, a expulsión de grupo. Antes de que sexa tarde, expulsemos a crispación de nós. Reconduzámonos.