Cando se recúa ao pasado

OPINIÓN

«Causa abraio que, despois da defunción dos fascismos europeos, sigan tendo vixencia esas ideas entre políticos que se presentan como demócratas»

Semella non preocupar moito non só a vulgaridade da política española, senón a imaxe que transmite tan esquemática como sen matices, tan adusta como alporizada, tan cuarteleira como espiritualmente pequena, cando non contraria aos intereses e necesidades máis urxentes da sociedade. Sería ben doado demostrar que, entre as causas máis manifestas, está unha que temos por principal: non tivemos Ilustración, se ben si tivemos ilustrados, e no seu lugar tivemos o máis oposto que cabe imaxinar, que foi a cultura inquisitorial. Mentres Europa descubría as luces da razón, aquí ensumiámonos nas sinistras tebras da Inquisición ata l834. A República tratou de virar o rumbo e teríao conseguido de non ter ocorrido o que todos sabemos, obrigándonos a recuar de novo na historia.

Nun ermo cultural de tales dimensións, non deixan de ter explicación figuras que se sentían incompatibles -e que o eran- coa República: Calvo Sotelo, José Antonio Primo de Rivera e os demais fascistas cos que se fusionou, exemplos de simplificación, de intolerancia, de visión sectaria do país, de negación da súa realidade total e de violencia. Causa abraio que, despois da defunción dos fascismos europeos, sigan tendo vixencia esas ideas entre políticos que se presentan como demócratas pero que non ocultan que prefiren a man dura ao diálogo, a imposición ao pacto e pechar portas no canto de abrilas. Ou sexa, a mentalidade cuarteleira. E iso non é o peor. Porque se ben non son maioría, si que son moitos máis dos que a saúde do país aconsella. Que uns políticos sexan retrógrados non debe alarmarnos; pero si que nos debe preocupar que poida calar en boa parte da sociedade esa visión violenta, simplificadora e autoritaria. Pero disto, tan grave, nin se fala.