Drag queens e Satanás

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

21 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me gustan as drag queens histriónicas que, con tanto éxito, participan no desfile do Día do Orgullo Gay en Madrid e no concurso do Carnaval das Palmas de Gran Canaria. Véxoas cada ano nos informativos da TV e confirmo a opinión. Aqueles corpos de home empoleirados en plataformas de 30 centímetros e embutidos en bodis dunha talla menor para lucir as coxas nervudas e os osos dos xeonllos; aqueles rostros con maquillaxes estrafalarias, fanme pensar nas demoiselles d´Avignon saídas do cadro de Picasso.

As drag queens gústanme menos aínda cando, para provocar, fan mofa de crenzas relixiosas. En 2017 a gañadora nas Palmas ía de Virxe María e remataba de Cristo crucificado. Aburren os escandalizadores sen talento que, para facerse notar, se encirran en molestar á xente de fe, e pasma o público disposto a tragar o que lle boten.

O éxito das drag queens en Gran Canaria, fixo que un pequeno concello, como La Breña, de 300 habitantes, quixese celebrar, a finais de xuño, as Fiestas de San José y de la Virgen del Pino cun concurso propio e que a comisión de festas pedise ao párroco -o padre Báez, cura peculiar, entre outras cousas, por ecoloxista, independentista e forofo do Unión Deportiva Las Palmas- que permitise aos concursantes usar a casa parroquial como camerino. Accedeu o párroco, fotografouse cos aspirantes a reinona no interior do templo e, como era de supoñer, as críticas caéronlle no lombo coma unha saraibada. Ata aí todo normal, pero sorprenden os moitos católicos irados que ven o mesmísimo Satanás entre as drag queens e o cura, e maniféstano nos comentarios en Internet.

O azar quixo que, días despois, un xulgado de Madrid investigase a un extenente de alcalde en Palma de Mallorca, que levaba un carreirón no PP, ao facer gala de tolerancia cero ante á corrupción e ser membro do movemento ultracatólico Camino Neocatecumenal, coñecido como os kikos, polo que se negara a casar parellas homosexuais. En 2008 descubriuse que gastara 50.000 euros de diñeiro público en prostíbulos gais e cocaína, e en 2009 que abusara sexualmente de dous rapaces, amigos dos seus fillos. Foi ao cárcere, saíu en 2014 e empezou a colaborar coa ONG Padre Garralda, que traballa na reinserción de presos. Chegou a coordinar un programa e está imputado por obrigar a xoves en terceiro grao a manter relación sexuais para non dar informes negativos que os devolvesen a prisión.

Moitísimos católicos lerían, arrepiados, a noticia, pero ningún viu a Satanás por ningures; nin tampouco no recente escándalo de pederastia na igrexa chilena, que levou aos bispos a presentar a dimisión en bloque ao Papa Francisco; e isto lévame a pensar que, ou o Satanás desta xente é un coitado coma o diaño galego, que, por non ten que facer, mata moscas co rabo; ou se alguén predicou no deserto foi Mateo cando dixo aquilo dos sepulcros branqueados por fóra e cheos de podredume por dentro. Por agora non aclarei a cuestión.