Antonio Alonso Fontán naceu na parroquia de Meder (Salvaterra de Miño) o 5 de marzo de 1931. Camiño dos 88 anos, non hai persoa naquela comarca máis querida e admirada pola súa condición de home de ben, aínda que para algunhas xentes, sen excluír o clero, é temido polos seus versos satíricos de afiada dentamia. Porque Alonso Fontán, que non cursou estudos universitarios, nin sequera secundarios, xa facía versos cando era moi pequeno, cando ía á escola pública nos primeiros anos do franquismo, a escola á que deixou de ir, xa grandote, o día en que o obrigaron a axeonllarse («No me arrodillaré hoy ni nunca»). E así foi.
Por iso a súa musa ventureira pertence á familia das musas rebeldes. Xa era unha musa inconformista en pleno franquismo. Hoxe non hai cura pouco cristián, na súa contorna, que non suscite o alferrón das súas rimas xusticeiras e alporizadas. Antes de ler ao poeta Leiras Pulpeiro, o debelador da cregaxe, Alonso Fontán xa exercía a clerofobia poética.
En realidade, Alonso Fontán é un caso claro de poeta popular, de sabio vate das silveiras, de fistor, dito sexa co termo empregado, no seu día, na Limia Baixa, onde, a fins do XIX, facían as delicias da xente do común o fistor Palmela de Lovios e a fistora Catalina de Entrimo. Alonso Fontán, aínda que, de maior, asistiu a faladoiros de letrados e eruditos (nomeadamente no café Goya de Vigo), nunca perdeu o arrecendo da aldea, nunca perdeu a concepción das cousas, entre sabia e inxenua, que procede do seu poderoso manancial labrego. Tamén cando fai poesía amorosa, moitas veces en castelán, un tema moi presente na súa biografía e na súa bibliografía.
Eu fago hoxe esta incursión na súa vida de cidadán crítico e de fistor de curiosa e polifacética personalidade, porque acabo de ler, con alegría e gratitude, un estudo universitario sobre el. Trátase do traballo fin de grao titulado A poesía na aula. Unha proposta de intervención a partir da obra dun fistor. Foi presentado pola alumna Jennifer Domínguez Domínguez da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra na que exerceu de titora académica a profesora Ana Acuña Trabazo, a quen debo -e agradezo- un exemplar desta investigación pedagóxica. Nela, por primeira vez na historia, o termo fistor acada estatus universitario.
A autora ofrécenos, entre outros capítulos, unha longa e minuciosa entrevista na que Alonso Fontán achega datos moi valiosos para adentrármonos na biografía deste singular fistor, na actualidade, en Galicia, o de obra de contidos máis ricos e críticos. É nesta entrevista onde lle conta que nunca se axeonllaría. En efecto, desde aquela escribiu sempre sen domear o espiñazo.