Grazas. A todos os que traballades poñendo en perigo a vosa vida para axudar aos demais, grazas. Porque ás veces non somos conscientes do risco que resulta dedicarse a certas actividades, e non o valoramos, e non o agradecemos. Vai, daquela, por todas esas veces que non fomos o suficientemente expresivos coa nosa gratitude: grazas. Quizais agora nos damos conta porque o mundo contén a respiración ante os pobres pequenos que quedaron atrapados nunha cova co seu adestrador en Tailandia. Escoitar as súas voces dicindo os nomes un a un para constatar que seguían con vida por unha moeda de dobre cara. A: respiran! B: como rescatalos? As circunstancias están en contra, cada vez é máis perigosa a súa situación e... aí está o equipo de rescate facendo o literalmente imposible para chegar a eles e intentar devolvelos a casa. O imposible. Porque un dos buzos xa perdeu a vida nos labores da misión.
Díganme que non se lles xeou o corpo... Se un profesional non é quen de percorrer o treito que separa a cavidade co campamento base, darano feito 12 cativos que levan dúas semanas atrapados? Pois o milagre xa se está a facer realidade. Mentres tecleo, ao outro lado da pantalla non deixo de mirar o número 4. Xa están fóra. Xa chegaron ao hospital. Xa están sendo atendidos por profesionais.
Agora precisan de horas para descansar, avaliar, decidir... A incerteza do que pasará, do como foi, do que facer, do cando... A incógnita de se os riscos serán excesivos... Sexa como for, grazas.