Ola, meu amigo

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

OPINIÓN

09 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pediu zamburiñas só porque lle gustaba o sabor salgado que lle deixaba a palabra nos beizos. A ría enteira en catro sílabas. Comía cos ollos. Mastigaba engorde unha cidade, un anaco dun país que é grande. Que é o mundo enteiro. Trababa con gana os paseos, a Porta do Sol, a luz. Sobre todo a luz, esa luz deitándose sobre o Atlántico. Aspiraba o fresco dos solpores. Os barcos abaneándose no porto. O recendo a salitre. Rillaba o son da música que o abarloaba en calquera recuncho. O seu propio disco que puxeron no bar no que si, no que se decataron de quen era ese estranxeiro que pedía café. Mastigaba amodo a pescada no hotel, que lle sabía a gloria. E buscaba o matiz doce que deixa sobre a lingua pronunciar a palabra morriña. Andou á procura dese mesmo sabor noutras linguas. Xa o tentaron moitos outros. Pero non existe.

Cando acordou, o dinosauro seguía alí. Antes de xantar xa lle chovían os sorrisos dun azul intenso pola rúa. Ás veces poallaba. Tiña que ser. Antes ou despois, aquí sempre orballa. Aprendeu que a retranca pica e que se quedas con fame, facémosche un bisté ou un ovo fritido. Acabou pedindo por ter unha das nosas avoas. Parecía pequeno ese que teñades un fermoso día que escribiu en Twitter. Pero é a gancela a que prende ese lume que alampea. A James Rhodes cercárono as ondas, que grandes son. Ondas do mar de Vigo, trouxestes un novo amigo.