En negro


Son as 10 da noite. Vai calor. Sento nunha terraza e pido un gin tonic. Agardo por tres amigas que avisaron de que tardarían. Levo un vestido negro de tirantes que me queda moi ben. Cando me trae o gin tonic, a camareira dime que estou convidada. «Aqueles da esquina», dime cun ton lacónico no que entendo un aviso procedente da experiencia con manadas de tíos medio borrachos. Decido pagarlle igual. «Vólvelles os cartos». «Por favor, non armedes bulla», suplica. Síntome mal porque non quero que o meu xenio lle cause un problema no traballo. A terraza está chea de xente que me mira consciente da tensión que medra. Así que recollo os meus cartos da bandexa e ela sorrí agradecida. En canto volvo quedar soa, dous deles veñen onda min e sentan sen pedir permiso. Por todo saúdo, un di «Bonito vestido». Decidín non falarlles. Non me cabe dúbida de que a camareira, na porta, quere cortar as veas. Na mesa do lado, unha muller mírame con admiración mentres a súa amiga me censura, e eu penso no triste destino do feminismo. Os dous homes xa pousaron os ollos no meu escote. O silencio é excesivo. «Para aceptar que che paguen as copas, poste ben digna», espeta un. «Non che pedín que convidases», contesto. «E logo non che gustan as gabanzas?», di o outro achegándose. Penso que iso non é unha gabanza, senón unha transacción mercantil, pero prefiro non dicirllo porque non é capaz de entendelo. Entón sei o que toca: marcho. Nin probei o gin tonic.

Teño sede. Avisarei ás amigas de que haberá que procurar outro sitio nas terrazas cheas doutras manadas dispostas a impedir que me divirta se non é sendo o seu xoguete. Arrepíntome de non lles guindar o gin tonic á cara, e o xeo aos xenitais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

En negro