Os autónomos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

03 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os ingresos dos autónomos non son unha nómina fixa. E, se un mes facturamos a gloriosa cantidade de 0 euros, pagamos a mesma cota

Paseo gozando deses primeiros raios de sol do ano, lenes e tímidos, dándome na cara, acariñándome... e eu deixándome querer. E de súpeto, zas! Esgázase o feitizo. A realidade dá cada labazada... Sempre hai unha nube que agrisalla todo.

Neste caso foron dúas mulleres. Ao velas de lonxe imaxineinas avoas sorrindo aos netos. Ai, sen os avós... que sería da humanidade?

A estampa era as dúas mulleres maiores ao sol, nun banco. Láianse. De que? Da artrose? Pois non, a escena da cabeza troca por outra menos poética. Protestan pola súa situación, a dos xubilados. Ben sabemos que non gozan da mellor época. Pero, queren saber a quen lle botaban a culpa? Pois a min. Como o oen. A min!

Non me nomearon en concreto, pero si se referiron directamente ao colectivo do que formo parte: os autónomos. Detiven o paso e agucei o oído, pois interesábame moito saber cal era o motivo. Pois que temos a culpa de pagar o mínimo que nos permite a lei. Si, unha cota de 275 euros mensuais que aboamos, por se non o saben, cobremos ou non cobremos. Así mesmo. Os ingresos dos autónomos non son unha nómina fixa, varían. E, se un mes facturamos a gloriosa cantidade de 0 euros, pagamos a mesma cota.

Pareceulles pouco. Si. Porque pouco son os 366 euros de pensión que viña de escoitar había uns minutos que cobraba unha muller. É difícil vivir con iso. Os autónomos ás veces cobran moito menos. Iso se poden traballar, e se non, pagamos igual. Sen festivos, sen vacacións, sen permiso de maternidade. E agora, coa culpa das pensións.