O debate no Partido Popular


O Vía V foi un bo programa de actualidade política e tamén unha escola de debate público ben guiada por Fernanda Tabarés e a súa equipa. Acórdaseme estes días, a conto do proceso de primarias en que está mergullado o Partido Popular, porque unha das primeiras decisións adoptadas pola dirección do partido foi anular o debate entre os candidatos. O caso é que me resulta imposible entender como se pode formar a opinión pública en liberdade se non é con debates públicos. Aínda no franquismo final falábase do «san contraste de pareceres» para acoller as diferenzas entre as diferentes familias de xestores da Ditadura naquela farsa imposible chamada apertura. Estraña que os milleiros de votantes nas primarias populares, tendo en conta que se trata da organización con máis afiliados, poidan coñecer aos candidatos que se presentan, formar opinión e decidir por quen votan sen escoitalos interpelarse entre eles, argumentar e contraargumentar, sen velos debater, sen apreciar na súa faciana o rubor, a mentira ou a verdade cando outros candidatos os critiquen ou mesmo sen ter a oportunidade de preguntarlles directamente en público. Sen poder comprobar quen é máis rápido nas respostas, quen é mais ponderado, máis agresivo, máis reflexivo, quen se atrapalla, quen máis educado, quen perde os papeis, quen súa como Nixon, quen parece verosímil, quen un mentirán. Quen paga máis a pena para depositar nel a confianza.

O debate non é garantía definitiva de ren, é unha máis, pero resulta unha baza esencial na conformación da opinión pública democrática. Unha das diferenzas básicas entre ditadura e democracia no século XX. O debate plural entre varios candidatos é o contrario dos monólogos de propaganda. Dende os anos trinta, as ditaduras fascistas e as stalinistas manexaron a propaganda, o slogan, a idea simple e repetida como instrumento de dominación e de control dunhas masas ás que se lles quería arrebatar a opinión. Unha democracia sen debate segue perigosamente emparentada con ese mouro pasado de adoutrinamento e non anuncia un bo futuro nestes tempos que corren. Nos primeiros momentos do último golpe de Estado que triunfou entre nós, un militar golpista pediulle por escrito a un propagandista que preparase un pouco de propaganda tipo Goebbels. Sabía o que facía. As pantasmas do pasado perseguen aos historiadores, pero mellor a nós sós que a toda a sociedade.

A democracia mitineira fronte á participativa foi unha desviación de orixe desta democracia española que seguía máis o modelo dos seareiros do fútbol que a experiencia dunha sociedade civil que apenas podía haber en 1977. Pola contra, a democracia da opinión que fora modelándose nos anos setenta foi perdéndose fronte á da propaganda aos poucos, elección tras elección. A conformación de opinión pública libre e plural fora unha das claves da oposición na construción do futuro democrático, na compaña de medios que, como La Voz de Galicia, construíron unha democracia de papel xa antes da morte do ditador. A democracia deliberativa sempre é mellor que a automática, máis racional. O PP ten ocasión de escoller.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

O debate no Partido Popular