Os nenos son radares andantes. Son quen de discernir o estado anímico das persoas mellor ca moitos adultos.
«Mamá. Bríllanche os ollos. Vas chorar? Estás contenta ou triste?». Iso me dixo a miña filla algún día. Ante a grandiosidade do seu corazón eu só podo sorrir.
É incrible a cantidade de cousas que aprenden os máis cativos e as leccións de intelixencia natural que nos dan. Edúcannos.
«Palabrota!», é a súa acusación máis reiterativa. Dá igual que o escoite en directo ou en diferido, na radio, na tele ou a alguén do redor.
Tampouco importa que o día un neno ou un maior, coñecido ou alleo. É escoitar o máis mínimo exabrupto e xa salta ela: palabrota!
A ver se segue así moitos anos, toda a vida, elixindo ben as palabras que di, dándolle o valor que merece á linguaxe.
A min as palabrotas tamén me sobran. Só botei unha en falta o outro día. E boteina en falta da boca de alguén moi educado: Rajoy.
Cando se estaba a despedir, no único momento no que se emocionou, sentiuse incómodo. Buscou autoridade coas seguintes palabras: «Que alguien pare, coño».
E claro, non lle fixeron caso. Igual se dixera: «Xa está ben, carallo!», sería máis efectivo. Pero... ata as palabrotas hai que sentilas.
E o xa expresidente do Goberno, dos que moitos din: que orgullo un presidente galego!, non sente o idioma propio.
Foi por iso que non dixo carallo, foi por iso que non lle funcionou.
Quen sabe! Por unha vez igual se arrepentiu de non levar o galego no sangue, na cabeza, no corazón.
Ai que carallo, como son as emocións!