Non serei eu quen propoña a prisión como vinganza, por moito que teña a tentación de ser vingativa por ser muller. Poucas cousas poden lograr que mude a miña opinión formada en anos de contacto cos cárceres: o máis aberrante dos criminais é unha persoa cuxos seres queridos non merecen pagar por delitos que non cometeron. Pero a liberdade provisional dos integrantes da Manada é un cachondeo. Porque neste país hai outros presos que levan demasiado tempo en prisión preventiva sen que comparezan as circunstancias indicadas no Código Penal para o mantemento desta medida, e os xuíces da Manada, sábeno. Pero a alarma das mulleres vale menos cá alarma dos políticos, por iso aquí hai máis tufo machista ca xurídico. Este ditame fede a «lección ás feministas» que enchemos as rúas. Eles só teñen que pagar unha fianza irrisoria por usarnos como lles pete. As mulleres temos dereito a xuíces que, ante a tentación da fama barata, apliquen o sentido común que é estar no mundo. Igual que están os xuíces que forzan unha lectura da lei para manter en prisión preventiva aos presos políticos cataláns e nos obrigan a tragar; igual que están os que xulgan a centos de presos anónimos que ven que se apela á alarma social por delitos que non saen na tele. Estes tomáronnos por parvas ao crer que entre todas as mulleres deste país, ningunha sabe interpretar o código penal. As vítimas da Manada somos todas. E vostedes, xuíces, co seu empecinamento castigador, levan xa nas conciencias a súa complicidade.