Resistencia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Aí fóra hai unha morea de xente que estuda Galicia porque sabe algo que nós só intuímos: teñen que preservar o interese por algo que xa non interesa ás galegas e aos galegos. Resulta tranquilizador saber que hai por aí quen se preocupa por que as miñas novelas se lean, por aprender unha lingua que lles custa usar ás miñas fillas, e por coñecer as entredeas dunha idiosincrasia capaz de reivindicar como propia unha meiga riba dunha vasoira e incapaz de deixar de queimar o monte que criou os seus antergos.

Digo isto porque veño de participar nun simposio en Varsovia no que se decidiu que a representación puramente literaria sería galega. Investigadores de todas partes, pero sobre todo de Polonia, falaban de nós desde unha rigorosidade case soviética que nos fixo sentir alguén. Unha bota a vida na casa xustificando que escribe en galego, e ten que chegar a Varsovia para, ao carón do Vístula e ollando o lugar onde os rusos se detiveron para observar como os nazis destruían a cidade, falar cunha estraña liberdade, case coma se non escribise nunha lingua en perigo de extinción. Se cadra é ese estraño exilio académico o que lle queda a esta cultura. Se cadra, é fóra onde podemos explicar as nosas rarezas suicidas.

Vin nalgures unha estatua de Charles De Gaulle como agradecemento á Resistencia francesa. Non lles gusta comparar barbaries, pero quizais en Varsovia, onde o pasado é só un decorado copiado dun cadro de Canaletto e unhas pedras no chan que indican onde estaba o gueto, o dos nazis parece peor có de Stalin. Por iso penso nas investigadoras polacas que traballan sobre a novela galega coma as nosas De Gaulle, que tamén merecerían un monumento, alí chantado no medio da Cidade da Cultura.