Algo cambia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Precísase persoa para o servizo doméstico», así o puxemos o anuncio nunha páxina en Internet. Alguén compatíbel cos nosos horarios e referencias. «Valorarase dispoñibilidade para horas extra. Valorarase expresión en lingua galega». E chamaron tres homes interesándose. O primeiro que me veu a cabeza foron as súas mans de home vestindo ás miñas fillas. Tamén hai asasinas de bebés, pensei. É certo que as estatísticas son elocuentes, pero tamén é verdade que a maior parte dos casos de abusos sexuais no fogar non teñen que ver con persoas empregadas senón cos familiares. Cando lle pasei o cadro co calendario de citas ao meu marido, só contestou: «Eu creo que eses tres poden facelo mellor ca algunha das que entrevistamos da outra vez, lembras?» Entre os tres mozos e o meu home me deron unha lección de feminismo que nin Simone de Beauvoir. Sobre todo eles, os rapaces de 20 anos que contemplan entre as súas opcións o servizo doméstico, que se ofrecen a peito descuberto para facer algo que, para moitos, poría en dúbida esa cousa tan española: a hombría. A revolución feminista tamén é dos homes. Precisámolos.