Alí estabamos todos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado martes despedimos en Compostela a Benedicto (1947-2018), a figura máis representativa dos Voces Ceibes, o movemento da Nova Canción Galega (así se etiquetaba tamén) que nace na primavera do ano 68 no contexto da mocidade universitaria, ideoloxía democrática e de esquerdas, oposición á ditadura, raiceiras urbanas, que na miña opinión encarna un novo espírito xeracional: salto cualitativo do discurso cara a un novo galeguismo, ou se se quere: cara a un novo xeito de entender o galeguismo, o compromiso político e cultural do país no marco dun contexto internacional marcado asemade por unha necesidade de transformación social e, repito, xeracional, que corría de Berkeley a Praga, de Berlín a París, Roma, Madrid, Barcelona, Bilbao, tamén Santiago de Compostela. 

Alí (na despedida de Benedicto en Boisaca) estabamos todos, «de corpo ou de espírito», en palabras de Alonso Montero, un dos mestres daquel fenómeno xuvenil, político e cultural. O ano 68 e o ano 72 (o ano das mobilizacións obreiras de Vigo e Ferrol) son datas de obrigada referencia na crónica das loitas democráticas contra a ditadura franquista, na procura da construción dunha esquerda política organizada. Ocasións haberá de lembrar estes acontecementos. Hoxe quero falar de Benedicto e de Voces Ceibes.

Por primeira vez a lingua galega, a lingua dos mariñeiros do Lérez na miña infancia pontevedresa, a lingua da señora Filomena, que baixaba todas as mañás dende Xeve cunha burriña a vender o leite pola porta das casas, a lingua da carpintería do señor Fontán, a música das tabernas, en ningún caso a lingua dos profesores do instituto, nin da catequese de San Bartolomeu, nin dos funcionarios da Deputación e o Concello, nin dos señores do café, nin da radio e os xornais, nin dos guateques para ligar (Los Brincos, The Beatles), nin sequera a lingua das verbenas da Peregrina; por primeira vez, digo, con Voces Ceibes (Benedicto, Xavier, Guillermo, Vicente) a lingua galega empoléirase no estrado (empodérase, din agora) e canta non dende o folclore ou a troula familiar, senón dende a súa propia consciencia civil: código da nación, código da esquerda rebelde, bandeira da liberdade, ¿por que non dicilo tamén?, bandeira da descuberta de nós mesmos, rapazolos que nos asomabamos ao mundo. Dende esta perspectiva o digo: alí estabamos todos.

A miña xeración nace neses recitais, nesas voces, moi principalmente nas letras (Celso Emilio Ferreiro, Manuel María) que xa non eran a Rianxeira, nin o San Benitiño do Ollo Redondo. En 1967 Xaime Isla Couto mandara traducir ao galego o Venceremos Nós (Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras). Eu descubro Compostela no 68. Daquela xa empezara o rebumbio (no 67, co recital de Raimon na Residencia, por poñer outro exemplo canoro), mais a Pontevedra chegaban os ecos de que algo estaba a pasar, e que nos concernía.