Os retos do Goberno de Sánchez

Lara Méndez
Lara Méndez FIRMA INVITADA

OPINIÓN

09 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o pasado 1 de xuño un novo aire corre polas institucións do Estado. O que no seu día algúns consideraron un oportunismo político, hoxe consolídase como un proxecto de cambio de maiúsculas dimensións. Para facernos unha idea desta dimensión, só recordar que é a primeira vez que un grupo de oposición coroa ao novo presidente a gritos de «si se pode!».

Esa é a dimensión do cambio e, ese, foi o primeiro reto que conseguiu o novo presidente: devolver a dignidade ao Goberno de España. Grazas á chegada do novo presidente, a normalidade entendida como a política de xestión -en oposición á política espectáculo dos escándalos do Partido Popular- vai permitir abordar cuestións urxentes no noso país, que, como demostrou, non se sustenta simplemente en grandes cifras macroeconómicas como as do PIB, balanzas comerciais ou taxa de beneficio das 35 primeiras empresas do país.

Esta nova xestión do Executivo de Pedro Sánchez ten que volver a resituar como alicerces do país os conceptos Estado democrático e social de dereito da Constitución, que o PP converteu en cerrollo para moitas cousas e embude para todas. A palabra social na nosa Constitución é unha máxima, un eixo reitor que debe existir en cada actuación do presidente, xa que equivale a aspirar a conseguir unha igualdade material. Nun país onde as cifras de crecemento despersonifican a pobreza e onde a emerxencia ten rostro infantil, o gran reto -porque así o quixeron os constitucionalistas- é que a saída da crise sexa para as persoas e non para as multinacionais.

Ademais, hoxe a igualdade ten un novo compoñente. Compoñente polo que levamos moito tempo pelexando, pero que se socializou nestes dous últimos anos: a igualdade de xénero. Non se trata só de entender a sociedade dende o feminismo, senón que se trata de que o 8 de marzo impregne todos os ámbitos da política. O primeiro paso está dado co primeiro Consello de Ministras e coa igualdade devolta ao escalafón ministerial do que nunca debeu saír e que ocupa unha peza clave no Executivo, como é a vicepresidenta.

Deixo este parágrafo para centrarme nos retos que ten o Goberno con Lugo, que non é outro que saldar a débeda histórica á que nos sumiu o Ministerio de Fomento, só aliviado con José Blanco. Precisamos de infraestruturas e necesitámolas de maneira urxente. Non podemos consentir que Lugo perda a Alta Velocidade e para elo é básico a construción da tan reclamada intermodal. Se hai algo que conecta a un país, que fai país, son as súas infraestruturas. Sei que cun Goberno socialista teremos máis oportunidades, xa que é imposible ter menos das que tivemos como cidade co Partido Popular. Fomento non significa outra cousa que desenvolvemento e por iso creo que, a través dese ministerio, Lugo ten que pasar ao século XXI con infraestruturas como a Ronda Norte ou as autovías de conexión ao resto das capitais de Galicia.

O presidente Sánchez é coñecedor de todas estas demandas, xa que llas trasladei nas visitas que fixo a Lugo e sei que o que cualificou de inxustiza quere que se palíe. Lugo non é máis que ninguén, pero tampouco vamos permitir ser menos. Como conclusión, direi que gran parte dos retos se conseguiron o día 1 cando saíu adiante a moción de censura: a cidadanía recuperou a dignidade das súas institucións.