Cuquito

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Como en España xa manda e ordena un novo presidente, cómpre recordar o que lle sucedeu á tía Emilia cando foi a Fuerteventura en Semana Santa: para que o tempo non o difumine, simplemente. En Fuerteventura vive a prima Coro, profesora de lingua inglesa nun instituto da illa. Á tía custoulle adaptarse aos costumes canarios, pero foi colléndolle gusto á paisaxe, comidas, hábitos consuetudinarios da xente. Faltáballe a misa. Ao principio non se atrevía a ir á igrexa, fundamentalmente porque os canarios falan como falan, medio andaluz e medio hispanoamericano, e a tía Emilia tiña medo de non entender ao cura á perfección. «E á misa hai que ir entendendo, e se non se entende non se vai», di a tía Emilia con autoridade. Pasaron os días e fixo amizades. Non só acudía aos oficios relixiosos, senón que intimou co párroco e ata foi quen de axudalo nas catequeses. Así presenciou unha situación digna deste país das marabillas. A saber: o cura estaba facéndolles preguntas aos cativos. Todos contestaban con celeridade. Todos menos un, Cuco, algo retraído, que non abrira a boca en toda a mañá. Era momento de espertalo. O cura falou, histrionicamente: «Todo va hacia el abismo. Nos quemamos en los infiernos. Y yo pregunto, ¿quién puede salvar el mundo sin tener una varita mágica en la mano?, dímelo tú, Cuquito». O neno permaneceu meditabundo. A timidez non lle permitía abrir a boca. A tía Emilia apupouno para que contestase. O párroco, mirando a Cuco, insistiu: «¿Quién puede salvar el mundo sin una varita mágica?». Finalmente o neno, vencendo o retraemento, berrou: «¡Mariano Rajoy!». A tribulación que sufrirá cando saiba que cambiamos de Goberno será insoportable. Pobre Cuquito.