Un lamenta que un dos oficios senlleiros na vida das vilas e parroquias galegas, o fogueteiro, vaia saír esnaquizado no imaxinario popular logo da desfeita de Tui. Porque en nada se parece o propietario de La Gallega e os outros zulos, a aquel fogueteiro que «mestura celmes estraños que han florecer nas leiras do ceo», que di Filgueira Valverde. Ou aquel outro, Gaiteiro de Vedra que, conta Álvaro Cunqueiro, fixo catro bombas de palenque, as mais grandes que nunca fixera, por encargo do señor Bastián de Cosme e que deron en terra cos restos de María das Fontes, a voadora de Serantes. Un lamenta que os galegos de relixión musulmán que morreron nas terras de Tui non teñan onde enterrar conforme ao seu credo, cando aló en Guitiriz, logo do balneario ser hospital de guerra no 36, aínda se poden ver os restos dunha mesquita e saber dun camposanto de mouros que houbo no Perexil, aló por Belote. Un está afeito a coñecer cousas extraordinarias na xustiza, por iso non sorprende a liberdade primeira do fogueteiro de Tui logo de dous mortos, varios feridos e un lugar, o da Torre en Paramos, desfeito. Un está afeito a saber de máximas que se practican fronte do público e o privado na sociedade galega tales como «deixa ir», «ti non te metas», e algunhas outras que se moven entre o egoísmo, o medo, e o caciquismo, e que mesmo converten a quen denuncia nun mal veciño. Un comprende que a primeira obriga dos poderes públicos, concello, deputación ou Xunta sexa atender a catástrofe. Mais con todo, o que sucedeu en Tui non é unha catástrofe natural, e tras dela están unha serie de responsabilidades. En primeiras do fogueteiro de La Gallega, por mal cidadán, veciño e empresario. Tamén do concello que non só deixa ir unha execución de sentencia para logo contratar os foguetes de San Telmo con tal empresa. E das outras administracións, incluída a xudicial, e sobre de todo de quen teñen a obriga de controlar unha actividade de risco e perigo como son as pirotecnias: o Ministerio de Enerxía e o de Interior. Por iso se entende que as administracións se dediquen de primeiras a atender a desfeita e aos veciños, pero non se entende que a Delegación do Goberno se manteña nun segundo plano no sucedido, ate o extremo de que o presidente da Xunta, encargue á Delegación do Goberno que faga «unha revisión pormenorizada de todas as pirotécnicas autorizadas en Galicia e dos lugares tanto de manipulación como de almacenamento de explosivos», e que os novos polvoríns ilegais se descubran agora por novas denuncias veciñais aos medios de comunicación. Porque derivada da actitude irresponsable ou mesmo dolosa do fogueteiro de La Gallega hai dous mortos, varios feridos e afectados, 26 casas destruídas por enteiro, 49 coa estrutura afectada e 43 coa cuberta desfeita. E nada do que levou a elo era novo nas terras de Tui.