Moi poucas luces

OPINIÓN

28 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 20, Albert Rivera dixo, entre outras lindezas que preocupan aínda a parte da súa parroquia, que todos os españois temos que asumir sen complexos que somos un gran país. Sen dúbida que mellorou moito a aquel que dixera que somos «españoles y mucho españoles».

Claro que si, pero se non temos en conta que este país é o do copago, que el defende, o país en que el votou en contra da subida das pensións, o do seu apoio á corrupción que di combater, o do seu silencio cando as votacións sobre a ilegalidade das ventas de vivendas sociais por Ana Botella a fondos especuladores, sen esquecer tampouco as irregularidades detectadas polo Tribunal de Cuentas en canto a un posible financiamento irregular do seu partido ou o seu non disimulado machismo. Todo «muy español y mucho español».

Avivecendo o nacionalismo carpetovetónico, na súa obsesiva procura de votos, paréceme que está comezando a perfilarse coma unha especie de figura folclórica. Por iso penso que ten moito sentido que no acto de Madrid tivese unha participación especial Marta Sánchez. Deus os dá e eles se xuntan. E non só trata de avivecer o vello nacionalismo español: o que está claro é que todas esas andrómenas patrioteiras sérvenlle para ocultar a súa total ausencia de programa político. Nunca falou del e sempre, diante dos problemas, non fixo outra cousa que seguir o rumbo dos ventos que mellor lle cadraban.

Non deixa de ser frustrante que, nun país cos gravísimos problemas que temos, vivamos pendentes das ocorrencias do señor Rivera, do chalé de Iglesias, dos másteres que non o son, de Marta Sánchez e demais cuestións folclóricas. A España de «charanga y pandereta», que dixera Antonio Machado, allea ás luces da Ilustración que non tivo. E ben que se nota.