Non vivimos no mellor dos mundos posibles, mais temos a obriga moral, ética, mesmo existencial, de traballar para conquistalo, para construír cada día un mundo mellor, unha sociedade mellor. Os últimos acontecementos non axudan, certamente. ¿Como construír esa sociedade sen referentes claros (limpos) de comportamento, esteos necesarios para levantar o edificio común, a casa que queremos habitar entre todos? Lembrade o consello dos vellos: predicar co exemplo. Mais ¿de que exemplo falamos? Non só na vida política, que é a esencia da vida en común, tal como nos ensinan os clásicos, falo das pequenas vidas, da prosa miúda de cada día, os usos e comportamentos domésticos (cos fillos, coa parella na casa, cos irmáns, cos veciños, coa xente que vive ao noso carón). ¿Que referentes éticos e de dignidade podemos soster neste panorama de espectáculos varios, efectos especiais, trampulladas, enganos e cambadelas, onde semella que todo vale e os medios acaban xustificando e mesmo substituíndo os fins?
Certo que a cousa non vén de agora. Sócrates queixábase da perda de valores morais na Atenas do seu tempo (acabou na cicuta) e o poeta Airas Nunes cantaba na Compostela do século XIII: «Porque no mundo menguou a verdade punhei un día de a ir buscar…». O poeta busca a verdade (a esencia dos valores morais e de comportamento) nos grandes centros de poder, nas institucións máis recoñecidas, incluído o Camiño de Santiago, e non a atopa por ningures. ¿U-la verdade? Extraviada na ambición, na furia, na cobiza dos homes que a estragan, manipulan e aldraxan. Todo está na historia da humanidade, certamente, mais iso non é consolo ningún. Sen referentes éticos, sen valores de comportamento, de respecto, de convivencia, xustiza e dignidade non hai proxecto de futuro posible, o que nos obriga (se cremos no futuro) a revisar ou mesmo refundar todo o que temos e que non funciona, mesmo alcatrea. Busque o lector no dicionario da RAG o significado do verbo alcatrear.
O estado de dereito funciona se a sociedade (a cidadanía) o recoñece e respecta. As institucións, e as persoas que forman parte delas, teñen a responsabilidade moral, ética, política, de termar do edificio común. Non é a primeira vez que o escribo nestas mareas. Estamos vivindo unha crise de fondo moi grave, moi profunda, resultado en gran medida das aceleradas mudanzas dos tempos, mais radicalizada en ámbitos moi específicos, como os que están a ser noticia estes días. Os discursos retóricos tenden a enchelo todo de fume. Sen desbotar a presunción de inocencia, hai nomes e apelidos, responsabilidades concretas que non se poden ignorar, por moito que queiramos seguir mareando a perdiz. ¿Ata cando? Ao xuíz Garzón, por poñer un exemplo, que hai algúns máis, custoulle a carreira profesional. Non a dignidade, que a mantén intacta, ou acrecentada.