A fuga de Valtonyc

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Díxoo Valtonyc recentemente nun concerto dirixíndose ao seu público: «Iros a otro pueblo donde haya guardias civiles y matad a uno».

Poida que esas palabras fosen froito dun momento de inspiración, no que o rapeiro dá renda solta á súa creatividade e, en uso da súa liberdade de expresión, solta lindezas dese jaez.

Esas actuacións públicas, unidas ao que di nas súas cancións, foron a causa de que Valtonyc fose condenado pola Audiencia Nacional a tres anos e medio de cárcere. Posteriormente a súa condena foi ratificada polo Tribunal Supremo, que considera que as súas cancións inclúen expresións de apoio a organizacións terroristas e inxurias á Coroa.

Valtonyc, nun primeiro momento, reaccionou coma un adaíl da liberdade de expresión e asegurou: «Estoy reincidiendo. No estoy dispuesto a claudicar», e manifestou a súa vontade de chegar ao sacrificio: «Vamos a pisar la cárcel por denunciar a este Estado fascista».

O pasado xoves 24 era o día en que debía entrar en prisión, pero Valtonyc, chegado o momento, renunciou a ser un Junqueras da liberdade de expresión e tomou o camiño de Puigdemont, que, de momento, é máis apetecible, hai que recoñecelo.

Despediuse con estas palabras: «Mañana España va a hacer el ridículo, una vez más. No se lo voy a poner tan fácil, desobedecer es legítimo y obligación ante este Estado fascista».

Pois vai ter razón, porque deixou á Policía e á Xustiza cos fociños dunha cuarta, e é moi posible que en Europa lle ofrezan refuxio, axuda e cobertura mediática para poñer verde ao noso país. Así están as cousas.