Orlando

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

24 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, 24 de maio, é María Auxiliadora. Para os de Salesianos non é un día calquera. A min véñenme hoxe todas as chuvias felices, coma flores, da miña xuventude. Son escritor grazas aos Salesianos de Ourense, aquela biblioteca magnífica onde encontrei a Tolstoi antes que a Dostoievski, a Kafka e Valle-Inclán e Cunqueiro, aos gregos sabios e aos filósofos da razón. Á igrexa ía todos os días. E alí rezaba a María Auxiliadora, hábito que por fortuna non perdín. Despois viñeron anos de separación, pálidos, porque pensaba que había modos mellores de cambiar o mundo. Equivoqueime. Agora volvo crer que a oración e os libros, os que leo e non os que escribo, tamén son capaces de mudar as cousas. Sei que isto que digo non é politicamente correcto. Pero a min o politicamente correcto interésame un pouco menos cada día. Quizais porque nas aulas nosas, as do bacharelato (BUP), eramos incorrectos sen sabelo. Alí aprendín as alegorías máis fermosas. Nunca esquecerei a definición que Orlando deu de metáfora: «Lo que está más allá de la meta. La propia palabra lo dice: meta?fuera, en gallego meta?fóra». Nin a resposta para definir qué é unha central térmica: aquela que produce termos para a auga quente. Pero, de todas as contestacións plenas de candidez daqueles anos escolares, quedo cunha que podía servir para os nutricionistas e as persoas que queren baixar peso para estar atléticos nos meses que se aproximan. O profesor de Ciencias Naturais, don Rafael Barreal, estaba a falar dos lípidos e preguntou: «¿Cómo se obtienen las grasas?». Orlando, que a min sempre me pareceu o máis listo da clase, contestou: «Comiendo mucho y trabajando poco». Daquela era máis fácil ser feliz.