Sobre o Día das Letras Galegas

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro López

28 may 2018 . Actualizado a las 11:58 h.

María Victoria Moreno debeu de ser militante ou simpatizante do BNG porque este ano a celebración do Día das Letras Galegas foi unha balsa de aceite e non se oíu unha voz en contra para reivindicar a Carballo Calero. Pola contra, en Pontevedra partiu do BNG a iniciativa de dar o seu nome a unha avenida e, ao facelo, o alcalde Fernández Lores dixo que os pontevedreses vivían unha xornada feliz porque se daba «un paso xigante para poñer luz onde había sombra, para pintar de violeta o que antes era gris, para trocar as armas polas letras, a carraxe polo sorriso, a violencia polo amor». Precioso. Mágoa que no 2015 fose el quen trocou o sorriso pola carraxe para censurar a dedicatoria a Filgueira Valverde e dar o pistoletazo de saída aos «incontrolados», que, armados de sectarismo e ignorancia, se lanzaron a denigrar a figura do homenaxeado por ser alcalde no franquismo. Non recordo nada tan ruín no mundo da cultura galega porque Filgueira foi alcalde con Franco, non alcalde franquista, e só aceptou o cargo a condición de non ter o de xefe local do Movemento. Filgueira foi home sabio e home digno, e non se me ocorre mellor imaxe da dignidade persoal que as fotos de actos institucionais en Pontevedra cos militares e civís brazo en alto e el, o alcalde, en posición de firmes.

Eu tamén quero un Día das Letras Galegas para Carballo Calero, e aínda que entendo os receos da Academia polo problema que supón o reintegracionismo, hai un Carballo Calero anterior á etapa reintegracionista que merece ser homenaxeado.

Pero se Carballo Calero o ten cru na Academia, ¿que dicir de Domingo García-Sabell, condenado ao ostracismo desde hai vinte anos? ¿Pódese entender semellante desatino? ¿Cando volverá haber en Galicia alguén coa cultura de García-Sabell? ¿Quen, coma el, deu ao idioma galego, despois de 1950, o prestixio que hoxe ten? Respondo con palabras do ex-presidente Xesús Alonso Montero:

-Se alguén representou -e escenificou- a dimensión culta e europea do galeguismo neses anos, ese foi, por encima de todos, Domingo García-Sabell.

-A dimensión culta e europea de Domingo García-Sabell é unha peza fundamental nas Letras Galegas do segundo Rexurdimento.

Certo que o cargo de delegado do Goberno resultou incompatíbel co seu labor na presidencia da Academia, e que debeu deixala. Errou ao non facelo, pero ese erro non invalida a obra de autor, nin a súa ética política, demostrada desde os anos máis duros do franquismo. Daquela, ninguén, absolutamente ninguén, se comprometeu máis ca el contra a Ditadura. Teño probas.

No Día das Letras hai ausencias que cantan e desafinan.