Que despropósito!

OPINIÓN

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non vou nin traducir a expresión por moito que sexa mellor, incluso máis elegante, o «fódanse». Vouno poñer como o din os políticos, como nolo chuspen: «Os jodéis». Quen? Pois todos nós, os máis desfavorecidos máis.

Lembran a Andrea Fabra? Era unha política do Partido Popular que, no medio dun debate sobre o desemprego, se referiu aos parados (algúns pasando auténticas penurias) cun «que se jodan». Así de claro. Porque iso é o que lles preocupa, o que pensan sobre a situación. Cadaquén que mire polo seu, non? Para iso non precisamos deles. Non estaban os políticos ao servizo dos cidadáns? Dubídoo.

O que non dubido é do desamparo aos grupos desfavorecidos: que se apañen como poidan. A actitude comeza a ser reincidente. Desta volta foi Carmen Martínez, secretaria de Estado de Comunicación, cando lles respondeu a un grupo de pensionistas co desexo, comentado a un compañeiro de partido, de facerlles un corte de mangas e dicirlles «os jodéis».

O único que denota tal actitude é unha falta de respecto, de empatía e de educación. Que pouco elegante é a clase política. Xa non sodes quen de ocultar as vosas verdadeiras intencións: non vos importamos. Non importan os pensionistas que, sabedes?, que en demasiadas ocasións son o sustento de familias enteiras. Estiran a comida, viven ás escuras e pasan frío para aforrar electricidade, e parten os panos de papel para que lles duren máis. Coidan dos netos, dos fillos e dun longo etcétera cando deberan gozar dun merecido descanso.

Pois si, están ben jodidos. Pero a vosa misión é axudalos, non rirse deles nin insultalos. Que despropósito!