Sumemos


Cando nacín puxéronme de nome José Carlos; despois cambiei no xulgado a onomástica, son Xosé Carlos. O meu apelido é galego. Teño dúas fillas que educamos en galego; agora andan estudando outras linguas, pero o seu vehículo primeiro, a fala matria, é a mesma de Rosalía. A miña muller ten un negocio rotulado dende a primeira á última palabra en galego, publicidade e rótulos e comunicacións só en galego. Escribín trinta e oito libros, trinta e catro en galego e catro en español; moitos están traducidos a outras linguas, deixando ver que a súa primeira edición é galega. Na universidade imparto un curso titulado Didáctica da ficción e creación literaria onde comento autores sobresalientes da literatura galega e universal, de igual a igual. Vaia onde vaia, a calquera recanto do mundo, digo que non hai sitio máis espléndido que a nosa terra. Escribo en galego, como mínimo, esta columna da contra dos xoves (¡O país das marabillas!) no diario máis lido de Galicia e cuarto de España; houbo épocas en que escribín cada día en galego e da nosa literatura semanalmente. Falo todos os días na radio, tamén en galego. Dirixo un programa de televisión ao que acoden paisanos eminentes. Porén, síntome estraño no mundo cultural de Galicia. Penso distinto. Penso, por exemplo, que en ocasións non se acerta co autor ao que dedicamos o Día das Letras. E penso que moitas institucións académicas, agrupacións políticas e intelectuais debían librarse do sectarismo. Penso, tamén, que ninguén ten dereito a repartir carnés de galeguidade e que hai xente boa e mala en todas partes. Creo que teño dereito a dicilo. E a pedir, hoxe precisamente, que sumemos. Este país está canso de restar e de que nos resten.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Comentarios

Sumemos